Vistas de página en total

viernes, 25 de julio de 2008

«Hai que musealizar o busto de Ralle sen perda de tempo»

Entrevista Laureano Fernández Carballo
O investigador que estudou e divulgou aa escultura castrexa de Taboada considera insuficientes as medidas anunciadas pola Xunta para preservar a excepcional peza

Francisco Albo
Localidad:
chantada

Días atrás, o novo director xeral de Patrimonio, o arqueólogo Felipe Arias, anunciou que se tomarán medidas para protexer a cabeza castrexa de Ralle, unha valiosa peza arqueolóxica gardada no municipio de Taboada. O arqueólogo chantadino Laureano Fernández foi quen estudou esta escultura máis a fondo. Publicou traballos académicos, divulgouna en congresos de arqueoloxía e, máis recentemente, deuna a coñecer a través da revista Historia National Geographic , denunciando as deficientes condicións en que se conserva a peza, hoxe en mans privadas.
-Teño que manifestar todo o meu respecto por Felipe Arias, que é unha persoa cargada de méritos profesionais e validísima para ocuparse da conservación do patrimonio galego, pero non estarei tranquilo ata que o busto de Ralle estea ben protexido nunha vitrina. É unha peza excepcional e como tal hai que musealizala sen perda de tempo. Se a Xunta non quere ou non pode comprar a escultura aos propietarios, poden aplicarse outras fórmulas, como a do depósito, que permite gardar a peza nun museo sen que deixe de ser propiedade dos seus donos. No Museo de Lugo, por exemplo, hai importantes pezas de propiedade privada que están alí nese réxime. Pero sería máis interesante que se musealizase en Taboada. Habilitar un local con medidas de seguridade onde a estatua poida mostrarse ao público non é tan caro nin tan difícil, e unha peza como esta pode ser un atractivo turístico moi forte. Tal como está hoxe, gardada nunha vivenda dunha pequena aldea, non só non está moi segura, senón que tamén é moi difícil vela, aínda que a lei obriga aos donos a mostrala ao público e aos investigadores. Tampouco me gustaría nada que a estatua fose vendida a outros particulares e que acabase lonxe de Taboada ou mesmo de Galicia. -¿Como ve, en xeral, a situación do patrimonio arqueolóxico da comarca? -Eu formeime no método arqueolóxico británico, que lle dá moita importancia á socialización dos xacementos, ao seu aproveitamento social e económico. Desde este punto de vista, creo que esta comarca está a desaproveitar totalmente un patrimonio interesantísimo que en certos casos non sería moi difícil de excavar nin de exhibir. No Reino Unido, Franza e outros países, os concellos encárganse de excavar e musealizar os seus xacementos nos meses de verán, coa axuda dalgúns arqueólogos profesionais e de estudantes voluntarios. É un sistema que resulta bastante barato, pero para que funcione hai que facer campañas continuadas durante anos. Sería moi interesante facer aquí algo así. En Chantada pódense facer tamén roteiros arqueolóxicos de gran atractivo que leven aos castros de Centulle, Paderne ou Castro Candaz, ás sepulturas de Fornas, á mámoa da Tumba do Rei e a moitos outros lugares.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/08/25/4011203.shtml



O guerreiro de Ralle desperta interese en Holanda
En directo Patrimonio arqueolóxicoUnha revista de estudos célticos editada en Utrecht resalta o valor da escultura castrexa encontrada hai algúns anos nunha localidade de Taboada

Francisco Albo
Localidad:
chantada

?raticamente descoñecida ata hai algúns anos, a estatua castrexa encontrada na localidade taboadesa de Ralle adquire cada vez máis notoriedade no mundo da arqueoloxía. A revista holandesa Kelten , editada en Utrecht pola Fundación A.???G. Van Hamel de Estudos Célticos, dedica no seu último número un artigo a esta escultura. A estatua tamén fora destacada o ano pasado nun traballo publicado polo arqueólogo Marco Virgilio García Quintela na revista electrónica E-Keltoi , editada pola Universidade de Wisconsin.
O traballo publicado en Kelten , asinado por Greta Anthoons, recolle información proporcionada polo arqueólogo chantadino Laureano Fernández Carballo -o primeiro que estudou esta peza- e, seguindo a súa opinión, afirma que a escultura de Taboada está «destinada a converterse nun icono clásico da estatuaria celta», comparándoa con pezas célebres como o guerreiro de Hirschlanden (Alemaña), a cabeza de Msecké Zehrovice (Bohemia), a estatuíña de Euffigneix (Franza) e a cabeza de Corleck (Irlanda). O artigo ofrece ademais unha breve introdución xeral sobre a cultura castrexa galaica, non moi coñecida en Holanda.
A pesar da crecente celebridade desta escultura, afirma Fernández Carballo, as súas condicións de conservación non melloraron en nada nos últimos tempos. «A estatua segue a estar gardada nun domicilio particular, sen especiais medidas de seguridade, e non é nada fácil de visitar», explica. O arqueólogo insiste en que é preciso musealizala para evitar posibles riscos e para que poida ser estudada polos especialistas e disfrutada polo público. A Dirección Xeral de Patrimonio, porén, xa desbotara no seu momento a posibilidade de comprar a peza aos seus propietarios.
Fernández recorda que a estatua estivo durante anos nunhas condicións de conservación moi deficientes -chegou incluso ser utilizada como soporte para macetas- a pesar do elevado valor arqueolóxico que lle confire o feito de ser a maior representación dun torques que se coñece en toda a estatuaria europea da Antigüidade.

No hay comentarios: