Vistas de página en total

miércoles, 23 de abril de 2008

A fervenza de Entrecruces

...........................................XOÁN POSE VIÑA
ESCRIBIR SOBRE o posible desastre que se vai producir dentro de pouco tempo, se ninguén lle pon remedio, na fervenza de Entrecruces, quizá non conduza a nada. Dígoo porque as palabras desaparecen ó día seguinte de escribilas, cando se merca outro xornal e se deposita no colector do papel o do día anterior para reciclar. Pero quero poñer o meu pequeno gran de area como xa fixo Gabriel Pérez Suárez nunha columna neste mesmo xornal a semana pasada. As palabras que poderiamos empregar para cualificar (ou, mellor dito, descualificar) esta política de destrucción do medio natural que é o pan de cada día de moitas empresas que só se preocupan de especular para enriquecerse, son múltiples e variadas e pódese escoller as que se queira: desfeita, catástrofe, atentado, calamidade. Mesmo podemos ir ó diccionario e buscar máis para falar desta ruína e deste desprezo pola natureza. Dá a impresión de que algunhas persoas teñen a conciencia tan negra como o chapapote do Prestige .
Deberiamos xuntarnos os veciños de todas as parroquias da comarca e berrar todos ó mesmo tempo como os de Fuenteovejuna para que non se destrúa o salto de Entrecruces, pois creo que ninguén ten dúbidas sobre o seu valor ecolóxico e sobre a súa beleza. Construír unha central eléctrica, aínda que sexa pequena, ten unhas consecuencias difíciles de prever.
Alternativas
Quizá non poidamos facer moita forza, dado que xa se intentou limpar en máis dunha ocasión para mellorar o acceso, e os propietarios impediron seguir con estes labores. Pasa o que pasa sempre en casos coma este: a propiedade privada é intocable aínda que se atente contra o equilibrio do medio natural. Non se trata neste caso de especulación urbanística. É algo máis útil, como a producción de enerxía eléctrica, pero é igual de destructivo e hai que buscar alternativas, pois o dano que se lle está facendo á natureza nestes últimos anos, está provocando xa consecuencias nefastas para o equilibrio da vida no planeta.
O sorprendente neste caso que nos ocupa é que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dea o seu visto e prace para seguir adiante co proxecto, por máis que os empresarios digan que van respectar o contorno para facerlle o menor dano posible á fervenza. Con todo, quizá quede unha pequena esperanza. Haberá que intentalo para poder contárllelo ós nosos fillos e conservar para eles algo que creo que nos pertence a todos.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/02/17/2430620.shtml

No hay comentarios: