Vistas de página en total

sábado, 31 de mayo de 2008

Patrimonio

XABIER MOURE SALGADO

NO ANO 1609, Felipe II outorgou unha real cédula ao fidalgo e crego Vázquez de Orxas que o autorizaba a buscar «tesouros» nas tumbas dos «gentiles galigrecos», o que supuxo a violación de máis de 3.000 antas e mámoas ao longo da nosa xeografía. Mais o estragamento do noso patrimonio prehistórico non parou aí. Hai un século, Manuel Murguía escribía: «Faise necesario que as autoridades das catro provincias declaren moimentos nacionais, tanto as mámoas coma os castros e demais moimentos megalíticos, para salvalos da súa completa ruína, facendo responsabeis aos alcaldes dos atentados que se cometen contra eles». O denunciado, mal que nos pese, non perdeu actualidade.
Hoxendía, que todo se mide en termos de rendabilidade económica e celeridade, as cuestións «menos productivas» fican arredadas a un segundo plano. Se ben, o moderno marco legal fala de «preservación, conservación, actualización e difusión para o seu disfrute social», a realidade, teimuda, transforma a norma en papel mollado. Canteiras, apertura de pistas e estradas, parques eólicos, prantacións forestais... sen control, están a contribuír ao deterioro, espolio e desaparición dos preto de 10.000 enterramentos megalíticos, centos de estacións con gravuras rupestres ao aire libre (petroglifos) e máis de 3.000 castros que inzan os montes galegos.
Se ben é certo que na Mariña non nos imos atopar coa monumentalidade doutras áreas do país, non o é menos que a sinxeleza destes posuía para os seus constructores unha importancia parella.
As administracións públicas, concellos maormente, deberían comezar a prantexarse a rendibilidade (tamén económica) do turismo cultural que, amais de didáctico, axudaría a rescatar a nosa estragada memoria histórica e a fuxir, dunha vez por todas, de tópicos que en nada elevan a nosa autoestima.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/04/16/3643228.shtml

No hay comentarios: