Vistas de página en total

domingo, 4 de mayo de 2008

O «avión» de pedra

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

LEO ESTUPEFACTO o caso do avión de pedra que, despegando dun monte de Laxe, chegou a unha praza pública do lugar de Neaño, en Cabana. A fazaña que relato descubriuse porque os donos do monte que servía de refuxio para o jet pétreo advertiron ás autoridades de que alguén marchara pilotando o peculiar penedo. Agora a polémica está servida. Os axentes da Garda Civil están pescudando quen foi o responsable do cambio de lugar que sufriu a pedra e outros rompen a cabeza para saber como se devolve o airbus granítico á súa base primixenia.
E así mentres, nesta nosa Costa da Morte, seguimos presenzando fenómenos e fenómenos que darían para un magno tratado sobre a teletransportación da materia. Abonde con recordar o caso da Pedra do Oso de Camariñas, aquel animaliño que apareceu na Coruña durmindo a mona preto de Matogrande. Pero claro, se o pensan ben esto do avión de pedra voando sen motor varios quilómetros daría para unha nova entrega da Guerra das galaxias ou de Aterra como poidas. Visto o visto, xa comezo a darlle máis credibilidade aos paisanos que aparecen nos medios xurando que se atoparon cun Ovni.
Dende estas liñas fago unha chamada desesperada aos alcaldes da zona. Hai que tomar medidas urxentes para deter esta rebelión do patrimonio natural e artístico, convencer a estes obxectos inanimados que un na vida ten responsabilidades e non pode ir por aí cando lle peta, sen pedir permiso. Porque esto pode ser unha moda e calquera día o dolmen de Dombate marcha de peregrinación a Lurdes ou á Pedra de Abalar, farta de agardar anos pola sanidade pública, dáselle por gastar uns euros e ir mirar a fenda á Clínica Ruber de Madrid.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/09/03/2992476.shtml

No hay comentarios: