Vistas de página en total

sábado, 31 de mayo de 2008

A decadencia de Moraime


FOTOGRAFÍAS: XESÚS BÚA




Patrimonio da Costa da Morte

O lamentable estado de conservación do conxunto parroquial de San Xulián pon en perigo unha auténtica xoia do románico rural no Camiño de Santiago a Muxía

Pilar Prego Lamas
Localidad:
carballo

Na mítica Muxía, onde as pedras curan e as ondas baten con bravura nas costas acantiladas do santuario da Barca, fundouse hai nove séculos un mosteiro medieval na parroquia de Moraime, xunto á ría de Camariñas. Do que fora no pasado un solemne e grande edificio con todas as súas dependencias monásticas, o tempo caprichoso só quixo que quedase en pé a súa igrexa, un templo que mantén coma ningún o espírito cristián e tipicamente medieval, empregando como transmisor destes ideais a linguaxe dos camiños de peregrinación, o románico.
Este mosteiro debeu xogar un papel clave na elaboración e propagación da lenda xacobea de Muxía, contando a chegada da Virxe nunha barca de pedra para confortar ao extasiado apóstolo Santiago.
A visión actual que temos de Moraime é a dunha igrexa parroquial cunha arquitectura pechada, sen grandes ventanais, onde a pedra escurecida polo tempo deixa intuír pouco o pasado glorioso que viviu este mosteiro dende a segunda metade do século XII, data sinalada da súa orixe.
Orixe
San Xulián de Moraime naceu como un cenobio patrocinado e protexido por unha das familias máis relevantes do antigo reino de Galicia, a casa de Traba, que actuaban como homes de confianza dos monarcas e exercían un importante labor de mecenazgo sobre igrexas e mosteiros, donando importantes posesións que permitían o finanzamento das obras. Este conxunto serviu de refuxio a un futuro monarca, Afonso VII, que, sendo neno, verá nos muros do mosteiro bieito a salvagarda da súa vida durante o conflicto entre a súa nai, dona Urraca, e Afonso alcumado O Batallador .
A arquitectura que caracteriza a construcción de San Xulián é primordialmente de estilo románico, o estilo que define ás igrexas que se encontran nos camiños de peregrinaxe que levan a Compostela. Moraime repite os esquemas constructivos e decorativos deste estilo medieval, a través da súa cabeceira de tres ábsidas semicirculares, bóvedas de canón, muros reforzados con contrafortes e, sobre todo, a decoración das súas portas, que de maneira figurada dan a benvida aos fieis. Moitas das solucións constructivas adoptadas nesta igrexa son esquemas xa vistos na catedral compostelá, o que fai pensar que nesta igrexa poderían ter traballado canteiros dos talleres composteláns nun momento, mediados do século XII, onde as obras catedralicias sufrirían unha ralentización, o que tería como primeira consecuencia a dispersión de talleres e o traballo dos seus canteiros en edificios de envergadura do ámbito rural. Aínda que construída en diversas campañas e con certas diferencias entre unhas e outras, San Xulián de Moraime conta a súa historia a través da arquitectura e escultura das súas portadas, auténticas testemuños do sentir dunha época.
Moraime é unha xoia do románico rural, case unha pequena catedral en miniatura, e é por iso que ao longo do tempo presentáronse iniciativas para a súa conservación pero que non se conseguiron levar a cabo. Na actualidade o estado de conservación de todo o conxunto é, canto menos, lamentable. A humidade ameaza constantemente con facer desaparecer as pinturas, sendo tarefa complicada para o visitante percibilas. O conxunto tamén conta cunha rectoral derruída e uns cabazos que van polo mesmo camiño. A única intervención nos últimos anos foi a no 2001 acondicionándose o entorno da igrexa, pero este intento resultou ser insuficiente e Moraime segue a esperar unha iniciativa que o salve da ruína e que lle devolva o esplendor que se merece.

Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/04/02/3598130.shtml

No hay comentarios: